quarta-feira, 25 de fevereiro de 2009
A Guarda dá a benvida ao MASAT!
A verdade é que esta transformación produciuse non sen tempo. Tivo que darse a conxuntura adecuada para ver materializado unha idea que se botaba en falta desde fai anos. Por fin viuse o resultado da maridaxe entre o goberno local do Concello da Guarda, encabezado por Javier Crespo (Concelleiro de Patrimonio) e da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, baixo a sensibilidade de Felipe Arias.
A verdade é que o resultado das actuacións son altamente satisfactorias: singularización do nome, logo do museo, actuación no espazo do museo, deseño dun itinerario expositivo, grande traballo do deseño do espacio, eliminación da luz natural, boa iluminación artificial, depuración das pezas expositivas, aparición de audiovisuais… Un proxecto museístico moderno interesante do que, por fín, todos os veciños da Guarda poden sentirse orgullosos.
Mais todos estes elementos positivos non son quen de deixar de reflectir as carencias. Unha pena que o Plan Museístico do MASAT realizado pola empresa Trivium de Santiago de Compostela non fose máis incisiva en certos aspectos ou que se deixase aconsellar por estudiosos locais do Monte Santa Trega. Quizais o maior erro de todo é a falta de vontade divulgativa. Todo ficou nun espazo renovado grazas ao diseño mais que aínda necesitava outra “volta de rosca”.
Esta numeración de eivas hai que tomalas para que todas as institucións implicadas na salvaguarda do MASAT tomen medidas ao respecto nun futuro do que agardemos próximo. O máis grave dentro do punto de vista especializado son os erros cometidos na cronoloxía. Os distintos paneis informativos teñen datos errados, son confusos e empregan material escesivamente especializado para os visitantes neófitos. Hai certo material gráfico que se repite como os mapas, botando de menos algunha foto aérea ou de petrogligos. As mamparas centrais son mapas iluminados que conteñen pouca información e están demasiada altas para escolares, bótase de menos algunha maqueta. Ou mapas con algún tipo de interacción co visitantes. Os audiovisuales son demasiado austeros, a parte das imaxes necesitaba rótulos identificativos. E, o máis grave, quizais sexa a falta de presenza de microhistoria para comprender os modos de vida dos castrexos para que a cousa non ficase nunha acumulación de “pedras”.
A maiores tamén é necesario unha creación dunha comunidade de amigos do MASAT no que puideran estar tanto negocios hosteleiros como veciños da Guarda. Unha páxina web para ter presenza no espazo virtual. Unha maior difusión da marca ou imaxe coorporativa do museo. Creación de unidades didácticas para escolares. E o deseño e organización de visitas turísticas intentando relacionar o museo, co castro e a paisaxe.
Como vemos é moito o traballo que queda por facer, mais esta semana nada vai poder enturbiar a extraordinaria delicia que deben sentir todos os guardeses pola chegada do MASAT!
Xurxo González
Historiador da Arte
quarta-feira, 14 de maio de 2008
Curtametraxes para celebrar o Día das Letras Galegas
O día 16 de maio vai ter lugar no Centro Cultural da Guarda proxeccións de curtametraxes galegas organizadas pola asociación cultural Morraceira e o Concello da Guarda en colaboración coa Axencia Audiovisual Galega e o Filminho.
Esta actividade conta de dúas sesións, unha dedicada ao público infantil (ás 18h00) e outra sesión dedicada aos adultos (ás 21h30). O propósito destas proxeccións é dar a coñecer curtametraxes, un tipo de produción cinematográfica que acostuman a non ter moita visibilidade.
O programa está composto polos seguintes filmes, no primeiro grupo o engrosarán títulos como A meiga chuchona, de Pablo Millán, Carne de Cañón, de Darío Fernández, Cartoons de Giselle Llanio e A flor máis grande do mundo de Juan Pablo Echeverry. Na segunda sesión atoparemos a´Os señores do vento, de Xurxo González, Adeus Edrada?, de Rubén Riós, Meniña de Daniel García, Premio, de Eva Quintas Froufe, e Cousas do Kulechov de Susana Rei.
A Morraceira, unha asociación cultural transfronteiriza, aproveitará este acto para presentarse aos veciños da Guarda e para dar a coñecer o Filminho, a festa do audiovisual galego e portugués que acontecerá en Vila Nova de Cerveira e Goián do 15 ao 20 de xullo. Así mesmo, dita asociación tamén pretende facerlle unha homenaxe a Chacurro e a José María (supervivintes d´Os señores do vento) pola súa labor creativa na intervención artística do territorio (Land Art) que, ao longo do último lustro, manteñen en funcionamento na zona da Katanga.