terça-feira, 25 de novembro de 2008

Estréase en Goián o documental ´Afranio´, dirixido por Víctor Coyote


O vindeiro domingo, ás 19h30, no Auditorio de Goián, no Concello de Tomiño, vai ter lugar a estrea da longametraxe documental que leva por título ´Afranio´, dirixido por Víctor Coyote e producido por Alén Filmes. Un proxecto subvencionado pola Consellaría de Cultura e Deporte no 2007.

A agardada adaptación das memorias de Alonso Montero Ríos, "Siñor Afranio", foi levada ás pantallas polo director tudense Víctor Coyote. A figura do político galego é interpretado por Luís Tosar.

domingo, 16 de novembro de 2008

´Os señores do vento´ recibe o Premio Galicia do festival de cine de Vilagarcía





O pasado sábado, 14 de novembro, no Auditorio de Vilargarcía, Xurxo González, director d´Os señores do vento, recibiu o Premio Galicia da XXXVI edición do Certame Liceo-Casino de Vilagarcía de Arousa, o festival de cinema máis antigo de Galicia.

Na Gala de Clausura do festival arousano Xurxo González recibiu o trofeo de mans do Manuel José Fernández Iglesias, Director Xeral de Comunicación Audiovisual pertencente a Presidencia da Xunta de Galicia. Despois do acto a curtametraxe foi proxectada no espectacular novo Auditorio Multiusos de Vilagarcía de Arousa onde o público asistente conectou, con enorme facilidade, co humor e o optimismo que fan gala os seus protagonistas: Chacurro e José María.
Segundo as palabras de Xurxo González que intentan explicar este éxito: “Os señores do vento unicamente ten como feito destacable: mirar a realidade que pasa por diante da porta da túa casa con outros ollos. O único que procurei foi darlle algo de pouso a filmación e que nela quedara prendada algo do entusiamo da xente que mira as botellas xirar en vivo. Conseguido isto non se sabe se estás enfronte dunha reportaxe, dun documental contemplativo, dunha documentación audiovisual dunha obra de arte ou dunha película de ciencia-ficción”.
Sen dúbida, escoitaremos falar aínda máis cousas sobre Os señores do vento onde, aos poucos, se está a propagar polo mundo o seu optimismo vital e o seu hedonismo condensado na súa célebre máxima: “eu por un vaso non vou se fora por unha botella…”

quinta-feira, 13 de novembro de 2008

A longametraxe documental rodada no Rosal, “Manuel e Elisa”, estréase en Cineuropa

Hoxe, xoves, 13 de novembro, ás 20h00, vai ter lugar en Santiago de Compostela. Concretamente no Teatro Principal a estrea do documentario “Manuel e Elisa” do director Manuel Fernández Valdés e producida pola produtora Tic Tac Produciones. Un documentario que recibiu unha axuda para a súa realización por parte da Consellaría de Cultura e Deporte.

A longametraxe narra a vida cotiá dun casal do Rosal nos seus anos de vellos. Nun principio o proxecto recaía totalmente sobre os ombreiros do Trinta, personaxe moi coñecido no Baixo Miño, mais segundo foi pasando a filmación a súa muller Elisa foi gañando terreo polo que o proxecto mudou de perspectiva.

“Manuel e Elisa” é un documentario de creación que emprega fórmulas contemplativas que axudaron a outros proxectos como “El cielo gira” de Mercedes Álvarez. O filme posúe momentos de grande beleza mais adoece dunha estrutura unitaria que lle de consistencia. Mais aínda así o filme é unha geórgica, un grande retrato da vida rural e unha grande reflexión sobre a senectude.

terça-feira, 4 de novembro de 2008

´Os señores do vento´ na programación do Cineuropa e na do Festival de Vilagarcía


O Chacurro e o Jose María seguen o seu periplo de festivais de cinema. "Os señores do vento" seguen atopando oco na programación dos festivais, como se fora un aire fresco que move botellas e corazóns.
Tras pasar polos festivais de Secuencia Cero en Vigo, a Mostra de Cinema e Ciencia da Coruña, a Bienal de Fortaleza no Brasil e o Festival de Ourense, agora, no mes de novembro "Os señores do vento" pararán na XXII edición do Cineuropa de Santiago de Compostela e na XXXVI edición do Festival de Vilagarcía.