quinta-feira, 11 de dezembro de 2008

O século de Manoel de Oliveira (e IV): acto de filmar


Fai un pouco máis dunha década a Oliveira comezou a pasarlle pola cabeza a posibilidade de escribir un libro no que se recollera escritos nos que reflexionaba sobre a súa concepción cinematográfica, a publicación en cuestión levaría o título de “Acto de filmar”. O proxecto ficou abandonado porque non atopaba oco entre o seu elevado réxime de producións e a promoción dos seus filmes. Mais Oliveira sentiu a necesidade de explicarse e dar pistas ao público de que entende el por cinema. Simplificándoo moito podemos dicir que para el o cinema é un recurso tecnolóxico que o que fai é documentar o teatro tanto o da arte da dramaturxia como o da vida mesma. O teatro para Oliveira é a suma de todas as artes e a cámara o único que fai é rexistralo e documentalo. Esta conclusión entronca coa súa busca de ofrecer ao espectador maiores doses de realidade intentando esparexer significados mediante a conxunción das distintos artificios representacionais e tendo en conta os seus escasos recursos de produción.

Todo isto que parece tan complicado o resumiu nunha entrevista sostendo que el non podía facer A Guerra das Estrelas, mais si o que podía facer era que un avó lle contara a súa neta de que vai A Guerra das Estrelas. Este axioma é dunha clarividencia tal que desmonta totalmente o elevado grado de mentira en prol da chamada verosimilitude que se obstina en procurar as grandes producións comercias. O cinema de Oliveira móvese no outro extremo, o que se dá en chamar “non-reconciliado”, nel saen á luz todos os elementos e procesos cos que se constrúen as historias. Nos seus filmes evidenciase un amplo abano de niveis; a historia, a lectura, a narración, a posta en escena, a tradución ás imaxes e, por último, o grado de implicación do espectador en rematar a obra. Mais, cal é o problema? Que o espectador non coñece as claves do seu cinema e non está disposto a ser un “público activo” debido a pasividade a que está acostumado por ser consumidor convencional do mainstream audiovisual.

Imos pois a establecer unha serie de pautas ou glosario co que o espectador intrépido poderá familiarizarse coa obra de Manoel de Oliveira.
-Civilización: Este concepto tan amplo quizás sexa a calidade máis evidente de Oliveira xa que os seus filmes apesares da súa modestia abranguen con ambición cuestións superestructurais como a Historia, a Arte e a Sociedade.
-Arte: Oliveira se volve velazqueño e radiografía o proceso artístico, “a forma do pensamento disfrazado” que diría Wittgenstein.
-Realidade: Este é o concepto que move a súa filmografía e a base ontolóxica da súa concepción cinematográfica. Non lle interesa a ilusión de verdade que pode proporcionar a mentira senón a verdade da mentira.
-Teatro: O cinema de Oliveira entronca coa tradición barroca e documenta as “teatro-realidades” tanto as derivadas das regras da posta en escena como dos códigos de comportamento que rexen a vida.
-Palabra: Oliveira recolle o legado do Padre Vieira e de Pessoa para darlle entidade posestructuralista dotando aos diálogos unha capacidade xenesíaca e altamente creadora que, en moitas ocasións, desborda a súa proposta visual.
-Literatura: A súa filmografía está chea de a intelixentísimas adaptacións e transposicións aos seus niveis de produción e a súa peculiar mirada.
-Texto: Oliveira intenta por en imaxes a súa visión do texto, é dicir, a lectura do texto é traducida a un linguaxe audiovisual co dobre proceso de intervención que iso implica.
-Romanticismo: Interese polos comportamentos sentimentais esaxerados para remarcar o artificio das situacións e para insuflar crítica aos protocolos sociais.
-Memoria: O cinema é unha extraordinaria ferramenta para axudar á memoria tanto na súa recreación do pasado como á hora de testemuñar o presente.
-Biografía: Bagaxe vital que préenche os ocos dos seus filmes e que na súa última etapa volveuse nun proceso testamentario.
-Portugal: A filmografía de Oliveira é o mellor calidoscopio sobre Portugal. É como unha enciclopedia na que se condensa o espírito dun pobo; a súa identidade, a súa historia, o seu pensamento e a exploración do seu territorio.
-Tempo: Elemento poliédrico que todo o enxerga causando a súa dependencia e desesperación.
-Cinema: Arte tecnolóxica baseada en capturar os niveis fantasmais da vida. Filmar é construír unha realidade cinematográfica que a súa vez representa outra realidade.

Ata aquí esta pequena e modesta achega a unha amplísima obra e a unha vida centenaria…

Parabéns, Mestre Oliveira!

Sem comentários: